Friday 03 de May de 2024

Ortigueira adhírese ao programa Xantar na Casa e deixará de ser un dos poucos concellos de Galicia sen este servizo


• O alcalde, Valentín Calvín, recibiu ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, para poñer en marcha o convenio

• Trátase dun servizo que pretende garantir unha alimentación de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión con déficits de autonomía

O Concello de Ortigueira adherirase ao programa Xantar na Casa e deixará de ser un dos poucos municipios de Galicia que non conta con este servizo. O alcalde, Valentín Calvín, recibiu onte martes ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Na devandita reunión, ambos avanzaron na creación dun convenio para concretar o consorcio do municipio ortigueirés.

Unha vez pechado este convenio, os veciños e veciñas de Ortigueira poderán gozar dun servizo que ofrece comida a domicilio co obxectivo de garantir unha alimentación equilibrada e de calidade adaptada ás necesidades de persoas maiores, dependentes ou en risco de exclusión social con déficits de autonomía persoal.

Ortigueira unirase, así, a municipios da súa contorna como Cedeira, Moeche, San Sadurniño ou Valdoviño, ademais de Ferrol, Fene, Mugardos, Narón, Monfero ou A Capela, que si contan co servizo desde hai anos. En total, son máis de 190 os concellos de Galicia adheridos a unha iniciativa á que, agora, únese Ortigueira dentro do seu plan por potenciar a atención social á súa poboación.
“Esta é unha forma máis de loitar contra a soidade non desexada e seguir achegando solucións ás persoas dependentes. Dixémolo desde o inicio deste mandato e reafirmámolo con feitos: a política social é un dos nosos piares de goberno”, explicou Calvín.

Deste xeito, unha vez concrétense os trámites burocráticos, o Concello de Ortigueira informará acerca das fórmulas para solicitar este servizo. As solicitudes das posibles persoas beneficiarias serán valoradas polos Servizos Sociais do Concello.

O prezo de cada menú é de 6,60 euros, pero o usuario ou usuaria unicamente terá que pagar 1,76 euros debido ao cofinanciamento de Concello, Xunta e Consorcio.